Resumo do II Foro de Arte, Cultura e Educación de Pontevedra

II Foro Arte Cultura Educacion Pontevedra 2017

O II Foro de Arte, Cultura e Educación serviunos para coñecer percorridos educativos alternativos e accións artísticas que acontecen fóra dos ámbitos de produción e reflexión tradicionalmente reservados aos centros de arte.

Puidemos coñecer as investigacións que Ascensión Moreno traslada a contextos, barrios e comunidades vulnerables, atendendo problemas, fenómenos ou feitos como violencia, trastorno mental, diversidade funcional; e suxeitos en perigo comopersoas maiores, sen fogar e xoves en situación de risco social. Estes proxectos de inclusión e desenvolvemento comunitario a través da arte e a cultura expóñense desde diferentes linguaxes artísticas: desde as artes escénicas como danza integrada, música comunitaria, circo e teatro social; a outras máis plásticas e visuais como a fotografía participativa e o vídeo comunitario.

Ana Moreno contounos o labor que a área de Educación do Museo Thyssen- Bornemisza desenvolve a través do proxecto EducaThyssen, un conxunto de accións de apoio interpretativo, divulgativo e de mediación, e unha ferramenta aberta, chea de recursos educativos. Referencia para moitas institucións, especialmente no ámbito iberoamericano, enténdese como un laboratorio no que experimentar novos xeitos de transmitir o coñecemento, e que permite traballar con persoas que non teñen un acceso sinxelo ao Museo. Un lugar de intercambio e reflexo das actividades do museo físico, onde as persoas con necesidades educativas especiais poden desfrutar coa arte dun xeito comprensivo.

II Foro Arte Cultura Educacion Pontevedra 2017

Moi diferente foi a visión de Miguel Castro, quen seguindo as ensinanzas de Arno Stern, defende co seu Xogo de Pintar a ausencia de intervención por parte do adulto, analizando o desenvolvemento do ser humano, con todo o que implica nos planos físico, emocional, cognitivo e social, e que pódese dar de xeito libre, desde o placer, nun encontro coas nosas necesidades máis profundas. O seu taller é un espazo de transformación, de recuperación, de encontro cun mesmo.

As mestras Amelia Seoane-Chanes, Lara Valcuende e Teresa Frieiro contaron a súa experiencia co proxecto LÓVA. Construindo a aprendizaxe a través da emoción e as artes, que converte a clase nunha compañía de Ópera. Durante un ano o alumnado traballa na consecución dun grande reto: a representación dunha ópera orixinal e única que leva o selo indeleble de todos os participantes, para o que precisan coñecerse mellor, traballar de xeito profundo, valorar o traballo en equipo, e reflexionar sobre os seus propios conflitos, intereses e necesidades. Isto implica emocionarse. Exixe rir e chorar, e sen se daren de conta traballar contidos curriculares de xeito competencial a través de procesos de confianza e empoderamento.

II Foro Arte Cultura Educacion Pontevedra 2017

Vita Martínez-Vérez e Dulima Hernández trouxeron ao Foro o proxecto Cidade- palabra, no que, partindo dunha concepción da cultura do xogo como xeradora de participación e comunidade, preséntase unha experiencia vencellada á cidade como “escenografía do encontro” a través da palabra escrita, falada, lida e escoitada. A palabra fai posible o ámbito para resignificar os lugares mediante o xogo de ofrecer pregunta-resposta a persoas aínda descoñecidas.

II Foro Arte Cultura Educacion Pontevedra 2017

Seguindo co tema da palabra, o discurso e as relacións humanas, o filósofo Félix Duque pechou o Foro coa lección de clausura A movilización do Mundo, na que propuxo examinar as transformacións producidas pola chamada Mobile Age, cuxa exaltación da individualidade supón un paradóxico correlato inverso, dentro da tecnoloxía da comunicación, da era da globalización económica e política (individuación versus mundialización) ademáis de producir unha deslocalización corporal paralela á deslocalización das empresas, concerns e megacidades, que comezan a orbitar máis alá da suxeción a un territorio. Todo isto, unido á miniaturización da máquina e ao seu crecente carácter protésico, incita a sentar as bases dunha ontotecnoloxía da distancia e fai que nos preguntemos

¿qué aspecto podería ter a arte do futuro?

1 Comment

  1. Moitas grazas polo convite! Foron unhas xornadas moi enriquecedoras, participativas e moi necesarias. Parabéns pola marabillosa organización. Unha aperta

    Reply

Submit a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*